COMPOSITORES
 
volver

X. Carlos Serans

Nace en Riveira (A Coruña), aínda que a súa vida persoal desenvólvese en Xuño, Porto do Son (A Coruña). Comeza a súa andaina musical aos 11 anos na Banda de Música de Caamaño, froito da afección á música do seu pai. Aos 20 anos pasa a formar parte do Corpo de Bandas de Música da Armada, destinado na Banda de Música do Terzo Norte de Ferrol, onde toma contacto cos mestres Raúl Galán Cerveró e Francisco Jordá Biosca, cos que estuda a tuba. En 1987 gana por oposición libre a praza de tuba na Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela, compatibilizando tamén as funcións de xerente da mesma desde o ano 2000.

Persoa comprometida coa música en Galicia é impulsor de numerosos proxectos:
Escola de Música Municipal de Catoira (1988), Grupo de Metais de Santiago e Banda de Música de Catoira (1989), Cuarteto de Tubas Euphonium (1993), Banda Sinfónica de Galicia (1994), Grupo de Metais de Galicia (1995), Solfa, Asociación Cultural-Musical (1997), Coral Solfa de Fontiñas (1998), Banda Filharmónica de Galicia (2000), Escola Municipal de Música de Santiago (2002), Escola Municipal de Música de Ames, Gallaecia Orquestra (2004), A Nosa Clave (2005, 2006 e 2007), Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares (2005), Musigalizando, campamento musical (2007, 2008, 2009 e 2010)

Realizou numerosos cursos de perfeccionamento de metais, composición e dirección de orquestra e banda con mestres como Harvey G. Phillips, Miguel Torres, Enrique Ferrando, Walter Rand Stormont, Mel Culbertson, Miguel Navarro, Henrie Adams, Aldo Ceccato, Helmuth Rilling, Francisco Grau Vergara, Bernardo Adam Ferrero, Manuel Hernández Silva, Tristán Murail, Magnus Linberg, Antón García Abril, Andés Valero Castells, etc….

É autor de numerosas obras e arranxos orquestrais para banda de música, orquestra e grupos instrumentais, entre os que cabe salientar as súas composicións para coro e banda de música sobre poemas de destacados poetas galegos: Soneto á Terra Chá, de Xosé Chao Rego, Rosas e A Saleta, de Manuel María, etc, así como adaptacións para banda sinfónica e coro de obras tan coñecidas como Negra Sombra de Rosalía de Castro ou Lela de Castelao.
 
En 2005 resulta seleccionado para facerse cargo da posta en marcha da Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares, coa que desenvolve unha intensa actividade dentro e fóra de Galicia e realiza numerosas estreas de composicións propias e de compositores galegos.

Forma parte de diversos xurados do Certame Galego de Bandas de Música, dos Concursos Zonais Deputación de Pontevedra do Certame Provincial de Pontevedra, de GZCrea, na especialidade de Composición para Banda de Música, e do Concurso de Composición da federación Galega de Bandas de Música Populares.

En 2008, a Banda da Escola de Música de Rianxo encárgalle unha obra (Fantasía Rianxeira) para conmemorar a para conmemorar o seu V aniversario.

En 2009, a Deputación Provincial de Pontevedra encárgalle a obra obrigada (Esbozos Sinfónicos, retratos de Xuño), para a segunda sección do Certame Provincial de Bandas que se celebra nesa provincia.

En 2009 é seleccionado como director titular da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, onde permanece ata 2013.

En 2010 é seleccionado de novo para continuar desenvolvendo o proxecto da Banda Sinfónica da FGBMP, onde permanece ata 2015.

En 2010, a Banda Xuvenil de Xinzo engade Esbozos Sinfónicos a un CD gravado con motivo do 30 aniversario da agrupación.

En novembro de 2015, Esbozos Sinfónicos volve a ser obra obrigada, esta vez no IX Certame Galego de Bandas, para as bandas que participan na primeira sección do certame.

En maio 2016, as súas obras A Saleta, Rosas e Campanas de Compostela, sobre textos de Manuel María, son interpretadas en Outeiro de Rei, no acto central das Letras Galegas adicado a Manuel María, organizado pola Xunta de Galicia. As súas composicións son tamén interpretadas nas Luas de Outono, concerto celebrado no teatro Rosalía de Castro na Coruña, organizado pola Fundación Manuel María, en nun ciclo de concertos organizado pola Deputación de Lugo, en setembro de 2016, co proxecto lembrando a Manuel María, con textos musicados do poeta, para soprano, piano e clarinete.

Tamén en 2016, a Banda Artística de Merza engade o pasodobre Lito, no CD Antoloxía do pasodobre no século XXI, xunto a compositores de todo o estado español, e a Banda de Música de Santa Cruz de Rivadulla grávalle Esbozos Sinfónicos no seu dobre CD músicas de onte e hoxe.

O 30 de decembro de 2016, Esteban Batallán estrea o Concerto para Trompeta e Banda, adicado a el, no Auditorio Municipal de Valga, coa Banda Municipal de Valga.

A obra Fantasía para Óboe e Fagot, creada para o evento, abre a entrega dos Premios da Cultura Galega 2016, celebrado da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

En febreiro de 2017 gaña o concurso para crear o Himno de Cambados, Cidade Europea do viño 2017, coa obra A Cambados, sobre una letra popular e outra de Ramón Cabanillas.

Na actualidade segue coa xerencia da Banda Municipal de Santiago, actividade que compatibiliza coa composición no seu tempo libre.

volver