Carlos Fernández García naceu en Silleda (Pontevedra). Tivo os primeiros contactos musicais xa dende pequeno no colexio e aínda que pasou varios anos inmerso na música, tardou en iniciar os estudos de maneira oficial, comezando no Conservatorio de maneira tardía.
Especializouse en Piano, Linguaxe e Teoría da música, Transposición e Acompañamento, obtendo os títulos de Profesor Superior e Profesor - respectivamente- no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Durante a etapa de formación asistiu a clases maxistrais e recibiu consellos de Cecilio Tieles, Alexander Gold, Almudena Cano, Alberto Cobo, Leonel Morales ou Martín Millán entre outros. Unha vez que comezou coa docencia, seguiu formándose en diferentes aspectos axeitados para á práctica docente, como son varios cursos de Igualdade e Coeducación, de Pedagoxía do Piano, de Interpretación ou Didáctica da Música realizados en diferentes universidades e institucións e tamén outros realizados por inquietudes persoais como Producción Musical, Harmonía Moderna e Jazz.
No campo da composición musical leva desde o ano 1999 recorrendo varios camiños diferentes, compoñendo ao redor de oitenta pezas musicais, especialmente para o audiovisual; curtametraxes, documentais, anuncios ou sintonías estreadas en diferentes ámbitos, cinema, televisión e radio e mesmo premiados en diversos certames. Tamén ten composicións para agrupacións clásicas, de tipo didáctico, música experimental e para agrupacións de música tradicional ou folque.
Actualmente segue compaxinando a docencia coa composición e dende 2015 tamén participa en múltiples proxectos relacionados coa música tradicional galega.