Comeza á idade de 7 anos os seus estudos musicais de trombón na Escola e Banda de Música Sementeira de Cambre no ano 2008 co mestre Miguel Brea. No 2015 acada unha plaza de grao profesional na especialidade de trombón no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, rematando os seus estudos coas máximas cualificacións, e recibindo o premio de fin de Grao Profesional por excelencia académica. No ano 2020, aos 19 anos de idade, ingresa no Conservatorio Superior de música da Coruña, onde cursa na actualidade as especialidades de composición e trombón.
Ao longo destes anos participou en diferentes cursos e eventos musicais por toda a xeografía galega e española. Recibiu clases de músicos de primeiro nivel internacional como Andrea Conti, Jamie Williams, Jon Eterbeek, Esteban Méndez, Bruno Flahou, Esteban Batallán, Ricardo Mollá, Iago Ríos, Stefan Schultz, ou Arturo Centelles, entre outros.
Na actualidade é membro da Banda de Música Sementeira de Cambre dende o 2015. Tamén forma parte da bolsa de instrumentistas da Orquesta Joven de Extremadura dende o 2022.
No eido da composición, comeza de forma autodidacta, aínda que recibe clases con compositores galegos de recoñecido prestixio como Esteban Zapata, e cando ingresa no Conservatorio Superior da Coruña cos mestres Paz Pita, Julio Montero, Manuel Varela e Mario Seoane. Ademáis realiza diferentes cursos de composición, producción musical e film scoring, con algúns profesionais do sector como Francisco Cuadrado.
As súas composicións foron estreadas por diferentes agrupacións en varios puntos da xeografía galega.
No ámbito profesional tamén é arranxista, e realiza diversas obras de encargo para varias agrupacións galegas.