COMPOSITORES
 
volver

Durán, Juan

Vigo (Pontevedra), 1960

[galego]

Ten escrito música de cámara, vocal, sinfónica e escénica, ademais de arranxos e orquestracións de música galega. A súa producción compositiva está depositada no Arquivo de Galicia e foi editada en Viso, Real Musical, Dos acordes, Dinsic, Editorial Rivera, etc. Tamén existen rexistros da súa música en distintos CDs e DVDs. Entre 1987 e 1997 exerceu como profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña. Foi socio fundador da Asociación Galega de Compositores en 1987, da que chegou a ser Presidente, e entre 2010 e 2018 foi membro da sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. En 2019 foi elixido Académico de Número da Real Academia Galega de Belas Artes, e en 2020 Académico Correspondente da Academia da Música Valenciana.


Inspector de Educación, dende o ano 2006, na especialidade de ensinanzas artísticas, ten desempeñado distintos postos na Consellería de Educación da Xunta de Galicia: Xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial, e Subdirector Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial, cargo que ocupa na actualidade. Dende ese posto ten coordinado a posta en marcha dos graos elemental, medio e superior nos conservatorios de Galicia, así como a publicación de distintas obras encamiñadas a dar a coñecer a compositores galegos, históricos e actuais, como por exemplo o CD Perspectivas, que recolle 17 obras inéditas de compositores galegos actuais ou o CD Presenzas e ausencias, onde se rexistraron, baixo a batuta de Maximino Zumalave, obras inéditas de distintos compositores galegos. Pero de todas estas iniciativas resulta especialmente destacable o traballo que deseñou e coordinou de 2009 a 2014, destinado a proveer aos conservatorios galegos de obras escritas por compositores actuais para as distintas especialidades instrumentais. Deste xeito naceu en 2014 a publicación Recursos musicais para conservatorios, un volume que recolle máis dun centenar de obras escritas por membros da Asociación Galega de Compositores.


Laureado co Premio de Composición da Universidade Carlos III de Madrid con Álbum para Orquesta (2000); Primeiro Premio de Composición da Federación Galega de Bandas con O soño de Breogán (2008); Premio da Crítica en 2009 pola súa ópera O arame; Premio de Composición do Festival Internacional de Música Española de León con 4 elementos (2011); Finalista do IV Premio Internacional de Música Sacra con Noso Pai (2011); Premio da Cultura Galega en 2013; Primeiro Premio de Composición no XVI Concurso de Composición de Música de Cámara Salvador Seguí en Valencia con Quinteto de Viento (2014); Segundo Premio no Concurso Internacional de Composición Coral FIOP (2017) con Benedictus; e Premio Reina Sofía de Composición (2018) con Whispers in the dark.


Ten recibido encargos de música sinfónica e sinfónico-coral, entre os que destacan: a cantata Cantiga Finisterrae para múltiples voces de luz, con texto de Miguel Anxo Fernán-Vello, encargo en 2001 da Orquestra Sinfónica de Galicia; a reconstrucción da ópera de Marcial del Adalid Inés e Bianca, por encargo do IGAEM da Xunta de Galicia en 2005; Divertimento para orquestra, obra encargo da Real Filharmonía de Galicia en 2007; o motete Peregriño, obra encargo para a Santa Misa celebrada polo Santo Pai Bieito XVI, en Santiago de Compostela, en 2010; a cantata Caderno de Bitácora de Valentín Paz Andrade, encargo do Consello da Cultura Galega para celebrar o Día das Letras Galegas en 2012; a estrea tamén en 2012 de Alborada de noite e de luz pola Orquestra Sinfónica de Galicia xunto ao Orfeón Donostiarra; a obra para arpa e orquestra Pórtico da Illa de Monteagudo, encargo do Concello de Vigo en 2015; Cervantina, encargo da Fundación BBVA estreada pola Orquesta da Comunidade de Madrid en 2016; a música para a Apertura da Porta Santa en 2020, encargo da Fundación Catedral de Santiago de Compostela; así como Dona nobis pacem, novamente encargo da Orquestra Sinfónica de Galicia en 2020.  


Adica gran parte do seu traballo compositivo á música vocal cun amplo catálogo de cancións, tanto propias como arranxos e orquestracións de cancións galegas. Musicalizó a poetas en lingua galega, catalá, española, francesa e italiana, destacando a colaboración con poetas actuais como Antonio Carvajal, Julia Uceda ou Marica Campo, entre outros. Son moitos os cantantes que interpretaron a súa música: Elina Garança, Cristina Gallardo-Domâs, Isabel Rey, Javier Franco, Borja Quiza, etc. En 2008, no Festival de Ópera da Coruña, estrea a súa ópera O arame, con texto de Manuel Lourenzo -Premio Nacional de Teatro-, que supón un fito de gran trascendencia no mundo cultural galego ao ser a primeira ópera estreada nos últimos oitenta anos. O arame sería levado á escena posteriormente no Reino Unido en tres ocasións máis, estando prevista a súa representación na New York City Opera. En 2019 o prestixioso selo discográfico Deutsche Grammophon rexistra por primera vez música galega cos seus arranxos sinfónicos de Lela e Vai lava-la cara, interpretados por Elina Garança. E na tempada 2019-2020 foi compositor residente da Xarxa de Musiques de Catalunya, con el encargo de dous ciclos de cancións sobre textos de Antonio Machado e de Salvador Espriu.


No ámbito da música de cámara ten un amplo catálogo de obras para as máis diversas combinacións instrumentais, mentras na producción pianística atopa tamén un lugar destacado sendo requirida a súa música por pianistas como Albert Nieto, Alfredo Abbati, Antonio Queija, Gabriel López Rodríguez o Diego Fernández Magdaleno, entre moitos outros. En 2020, o prestixioso Concurso Internacional de Piano "Compositores de España" que se desenvolve anualmente en Madrid, adícalle o concurso, coa interpretación da súa obra para piano por destacados pianistas internacionais como Bruno Francesco Leone ou Linzi Pan.


Colateralmente a súa actividade principal como compositor ten dictado conferencias (Conservatorio Superior de Música de Valencia, Sociedade Filarmónica de Ferrol, Ateneo de Santiago de Compostela, etc.) e acompañado cantantes ao piano como Cristina Gallardo-Domâs, Javier Franco ou María Rodríguez en salas como o Teatro Rosalía Castro da Coruña, o Teatro Pincipal de Ourense ou a Casa de Galicia de Madrid. Ao mesmo tempo, ten formou parte de distintos xurados de concursos de composición.


As súas obras interpretáronse en gran parte de Europa e en EE.UU, Arxentina, Brasil, Chile, México, Hong Kong, Thailandia, entre outros; destacando importantes salas e festivais como: Auditorio Nacional de Madrid, Fundación Gulbenkian de Lisboa, Instituto Cervantes de Nueva York, Teatro Amadeo Roldán de Cuba, Festival de Ópera de Benicassim, Temporada Lírica de Palma de Mallorca, Aula Magna da Universidade de Chile, etc. Tamén son destacados os directores de orquestra que estrearon a súa música: Antoni Ros-Marbá, Víctor Pablo Pérez, Miguel Ángel Gómez Martínez, Juanjo Mena, Pietro Rizzi, Osmo Vanska, Alejandro Posada, Maximino Zumalave, Edmon Colomer, Óliver Díaz, etc. E, máis asiduamente, colabora coas principais orquestras e conxuntos de cámara galegos, como a Orquesta Gaos, a Orquestra 430 de Vigo, Zoar ensemble, Hércules Brass ou o Grupo Instrumental Siglo XX. 

O CATÁLOGO DE OBRAS EN https://www.juanduran.gal/catalogo-de-obras

 

volver